sábado, 20 de septiembre de 2008

PRESENTACIÓN DA ORQUESTRA DE CÁMARA DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

Coa finalidade de ilustrar musicalmente o acto académico que se celebra cada ano con motivo da festividade de San Tomé de Aquino, un grupo de músicos novos e entusiastas preparou un breve concerto, que foi ofrecido no Paraninfo da Universidade en xaneiro de 2005. A vontade de continuar a facer música xuntos levounos a unha certa continuidade nos ensaios, mesmo a se proporen a posibilidade de formar unha orquestra de cámara.

O seu repertorio abrangue desde o Barroco ata o século XX, e inclúe obras de compositores galegos como José Castro “Chané”, Marcial del Adalid, Xoán Montes ou Rogelio Groba, entre outros. Até o momento interviñeron en diversos concertos celebrados na Coruña, en Ferrol e en Santiago de Compostela, e mesmo colaboraron en diversos actos académicos da universidade. Por outra banda, a orquestra clausurou o I e II Ciclos de Novos Intérpretes na Universidade da Coruña en 2007 e 2008 e participou na Gala Lírica de ópera do Barroco e do Clasicismo en decembro de 2007 xunto a solistas vocais galegos, e na que interviron o Coro Universitario da Coruña e o Coro de Cámara "Si vis me canere" de Santiago de Compostela.

Fixo a súa presentación no Concerto de Nadal da UDC en 2006. Os compoñentes dedican parte do seu tempo ao estudo persoal das obras que se preparar, sen descoidaren os ensaios de conxunto, en que traballan baixo a dirección técnica de Víctor Raúl Cardoso (violín concertino) e artística de Julián Jesús Pérez (director).

A Orquestra de Cámara é un proxecto fundamentalmente didáctico e non perde de vista a súa dimensión divulgativa da Música, polo que pretende ofrecer o seu traballo a toda a comunidade universitaria e ao público en xeral. Os estudantes e profesionais comprometidos no proxecto manifestan nunha vontade clara de continuidade, de progreso baseado na formación constante.

No hay comentarios: