sábado, 20 de septiembre de 2008

I CICLO DE NOVOS INTÉPRETES




A Aula de Música da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Comunicación da Universidade da Coruña, nun afán de promocionar as novas xeracións de músicos emerxentes nos nosos campus, vén de organizar o I Ciclo de Novos Intérpretes. Nel preséntanse dous grupos de cámara que xurdiron no seo do Conservatorio Superior de Música, un pianista titulado en enxeñería de Camiños, Canais e Portos pola nosa universidade e a recentemente estreada Orquestra de Cámara da UDC, un grupo heteroxéneo formado por alumnos e ex-alumnos dos centros de ensino superior da cidade, persoal laboral da Universidade e a necesaria achega didáctica e musical dalgúns músicos profesionais. Con todos eles configurouse un ciclo que nace con ilusión de continuidade e coa confianza posta nunha etapa, cremos, de apertura a novas descubertas, a novas esperanzas de conectar a Música (si, en maiúscula) e a Universidade. A resposta queda na asistencia de público novo, se cadra amigos e compañeiros de estudos dos nosos intérpretes. Queremos apostar pola calidade musical, mais tamén pola formación dese público novo. Tan só cómpre que asistades con respecto aos concertos e que vos interesedes por repetir a experiencia; as “Notas ao Programa” podedes lelas antes do concerto ou ben na casa, xa de volta. Non é necesario vir vestidos de etiqueta, senón gozar do que vos ofrecen uns músicos que dedican moitas horas de traballo a prepararen algo efémero como é un concerto, mais que quizais quede gravado nos vosos corazóns como quedara no meu aquela “Carmina Burana” no Teatro Rosalía de Castro sendo eu un neno de curta idade.


Julián Jesús Pérez Fernández
Coordinador da Aula de Música
da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Comunicación


A Orquestra de Cámara da UDC clausurou este ciclo cun concerto celebrado o 29 de maio de 2007 na Igrexa de Venerable Orde Terceira da Coruña. Contou coa colaboración de César Concheiro, frautista e profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña.


MÚSICA PARA ORQUESTRA DE CÁMARA DO BARROCO AO SÉCULO XX


I

J. S. BACH (1685-1750)
Suite N.º 2 en Si menor BWV 1067 para frauta e orquestra (selección)

A. VIVALDI (1678-1741)
"Cantabile" do Concerto en Re Mayor para frauta e orquestra “Il gardellino” RV 428
Frauta solista: César Concheiro

W. A, MOZART (1756-1791)
Divertimento en Re Mayor KV 136 para cordas

II

J. CASTRO “CHANÉ” (1856-1917)
Os Teus Ollos - Adaptación: Julián Jesús Pérez
X. MONTES (1840-1899)
Negra Sombra - Adaptación segundo a versión para orfeón
R. GROBA (1930)
Canto de Berce - Adaptación: José Ramón Sierra
Violoncello solista: Valeri Moriatov
J. RODRIGO (1901-1999)
Canzonetta para violín solista e orquestra de cordas
Violín solista: Víctor Raúl Cardoso Rada
B. BARTÓK (1881-1945)
Dez pequenas pezas para orquestra de cordas - Adaptación: Rudolf Maros


NOTAS AO PROGRAMA
por Julián Jesús Pérez Fernández

O concerto que presentamos hoxe consta de dúas partes ben diferenciadas. Para a primeira escollemos tres compositores fundamentais do Barroco e do Clasicismo europeos; a segunda está ocupada por tres cantigas galegas en versión de orquestra de cordas, unha sinxela peza para violín e cordas de Joaquín Rodrigo e as Dez pequenas pezas para orquestra de cordas de Béla Bartok.
Iniciamos o programa cunha selección da Suite Orquestral n.º2 en Si menor BWV 1067 de J. S. Bach (1685-1750). A obra está escrita para orquestra de cordas e frauta traveseira. A suite como forma musical foi cultivada no Barroco e, normalmente, consta dun preludio ou obertura e dunha serie de danzas escritas na mesma tonalidade, aínda que contrastantes. O Rondeaux (rondó) consiste nunha alternancia entre un tema que se repite e outros que son diferentes entre si. A sarabande (zarabanda) é, na súa orixe, unha danza española do século XVII de carácter axitado. En Bach estilízase de tal xeito que se presenta como o tempo lento da suite. Neste caso está baseada na técnica do contrapunto imitativo, sostido por un baixo continuo (acompañamento constante do clave e do violoncello). A Polonaise (polonesa) está construída en forma ternaria : a primeira sección presenta un tema nun acompañamento en staccato (separando as notas unhas de outras) e unha melodía ornamentada e que, novamente, se escoitará despois da sección central (double), en que a frauta realiza unha pasaxe virtuosística sobre o tema principal que escoitamos no baixo continuo (violoncello). O menuet (minueto) é unha danza tranquila de ritmo ternario e forma binaria (A-B). Foi unha das máis populares do Barroco. Por último, a popular battinerie está baseada nun breve motivo rítmico que confire unidade a todo o movemento. A frauta realiza a súa melodía sobre un acompañamento da orquestra de cordas en notas breves.
Continuamos co segundo movemento (Cantabile) do concerto para frauta “Il Gardellino” de A.Vivaldi. Presenta a particularidade de estar escrito para frauta e baixo continuo, sen acompañamento orquestral. A frauta realiza unha ornamentada melodía ao xeito de pastoral en compás de 12/8, cunha fórmula rítmica que se repite ao longo do movemento.
Pechamos a primeira parte co Divertimento KV 136 en Re Maior de W. A. Mozart. Dividido en tres movementos: Allegro (rápido), Andante (tranquilo) e Presto (moi rápido), esta obra reflicte a estética do Clasicismo no cultivo da forma musical como control do material sonoro. O primeiro movemento, a exposición,está escrito en forma sonata e presenta dous temas (A e B) nos primeiros violíns; a sección central, chamada desenvolvemento, está escrita en modo menor, un feito que supón un cambio de carácter, para enlazar, grazas a un breve deseño das violas, coa reexposición dos temas presentados ao comezo da obra. O Andante, na tonalidade de Sol Maior, amosa unha melodía cantabile de exquisita sensibilidade; estruturalmente, articúlase na forma binaria A-B con repetición de ambas as seccións. Por outra banda, neste movemento achamos unha vida interior, entendendo como tal a función dialogante que Mozart concede ás partes medias (violíns segundos e violas), o que confire interese ao conxunto instrumental e á sonoridade global da orquestra. Finalmente, no Presto achamos unha vez máis a forma sonata; a sección central é un exemplo da habilidade contrapuntística de Mozart, ao presentala servíndose da imitación entre as diferentes voces como recurso compositivo.
Nunha intención de difundir o repertorio de compositores galegos, presentamos nesta ocasión tres sinxelos arranxos doutras tantas obras pensadas inicialmente para un efectivo diferente (voz e piano, orfeón e coro mixto respectivamente). A segunda parte iníciase coa fermosa melodía Os teus ollos do compostelán José Castro “Chané”, compositor e director de orfeóns que desenvolvera a súa traxectoria entre A Coruña e A Habana. O lucense Xoán Montes ocupa a nosa atención na seguinte obra: a universal Negra Sombra, baseada no coñecido poema de Rosalía de Castro e difundida en moi diferentes versións. Neste caso, respectamos a orixinal de Montes escrita para orfeón e adaptamos a terceira voz (barítonos) na clave de Do en terceira liña, correspondente á tesitura da viola. Por último, o ponteareán Rogelio Groba e o seu Canto de Berce, co tema principal exposto no violoncello solista, presenta o “movemento” do berce no acompañamento do resto da orquestra, mentres os violíns primeiros levan o protagonismo na segunda sección, escrita en textura homofónica (vertical).
O valenciano JoaquínRodrigo é quen de ser coñecido e valorado pola súa achega á historia da música española e universal, ao noso entender “escondida” durante moitos anos pola popularidade dun breve tema: o que abre o segundo movemento do seu Concerto de Aranjuez para guitarra e orquestra. Cremos que a Canzonetta para violín e orquestra de cordas, obra de xuventude, ilustra o interese que ten por dereito propio este sensible compositor. A obra está estruturada en forma ternaria. O tema principal preséntase despois dunha breve introdución da orquestra a partir da repetición dunha nota cunha fórmula rítmica que domina toda a peza; unha segunda “sección” de catro compases amosa un diálogo entre violonchelos e violas acompañado polo “trinar” dos violíns e inspirado na fórmula rítmica do tema principal, que se escoitará de novo na sección final. A obra finaliza cunha coda ou sección conclusiva de cinco compases.
O concerto remata cunha obra do húngaro BélaBartók, un importante compositor da primeira metade do século XX. O seu labor estendeuse tamén á compilación de temas folclóricos do seu país e á difusión dos mesmos nas súas composicións. Cómpre salientar os catro volumes de pezas para piano titulados For Children (Para nenos). A obra que presentamos é unha selección da orixinal para piano, arranxada para orquestra de cordas por Rudolf Maros. A obra sorprende, dentro da súa sinxeleza e frescura melódicas, polo interese que cobra a dimensión rítmica, a dinámica (intensidades), a agóxica (desviacións do tempo e do ritmo estritos) e a harmónica. Con estas sonoridades despedimos o noso concerto.

No hay comentarios: