sábado, 20 de septiembre de 2008

II CICLO DE NOVOS INTÉRPRETES





A Aula de Música da Vicerreitoría de Cultura e Comunicación da Universidade da Coruña, nun afán de promocionar as novas xeracións de músicos emerxentes nos nosos campus, preparou con moita ilusión o II Ciclo de Novos Intérpretes. Nel preséntanse diversos grupos de cámara formados por alumnos de Ensino Superior de Música en Galicia (conservatorios da Coruña e Vigo, Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela), un guitarrista de ampla formación, un dúo de soprano e barítono, un cuarteto non “clásico” e a Orquestra de Cámara da UDC, un grupo heteroxéneo formado por alumnos e ex-alumnos dos centros de ensino superior da cidade, persoal laboral da universidade e a necesaria achega didáctica e musical dalgúns músicos profesionais. Con todos eles configurouse un ciclo que naceu no curso pasado cunha aposta clara pola continuidade e coa confianza cifrada nunha etapa, cremos, de apertura a novas descubertas, a novas esperanzas de conectar a Música (si, en maiúscula) e a universidade. A resposta queda na asistencia de público novo, se cadra amigos e compañeiros de estudos dos nosos intérpretes. Queremos apostar pola calidade musical, mais tamén pola formación dese público novo. Tan só cómpre que asistades con respecto e actitude positiva aos concertos; facémolo principalmente para vós. Non é necesario vir vestidos de etiqueta, senón gozar do que vos ofrecen uns músicos que dedican moitas horas de traballo a prepararen algo efémero como é un concerto, mais coa intención de deixaren fonda pegada nos vosos ouvidos e os vosos corazóns e, se cadra, co desexo de que vos quede a intención de repetirdes a experiencia.

Julián Jesús Pérez Fernández
Director da Aula de Música
Vicerreitoría de Cultura e Comunicación

A Orquestra de Cámara da UDC clausurou o II Ciclo de Novos Intérpretes cun concerto celebrado o 4 de xuño de 2008 na Igrexa da Venerable Orde Terceira. Un ano máis contou coa coa colaboración de César Concheiro, frautista e profesor no Conservatorio Superior de Música.
PROGRAMA
I

T. ALBINONI / R. GIAZOTTO (1671-1751)
Adagio en sol menor para cordas
Órgano: Irina Moriatova
Violín solista : Víctor Raúl Cardoso Rada
J.S. BACH (1685-1750)
Suite Orquestral Nº. 2 BWV 1067


II

A. VIVALDI (1678-1741)
Concerto para frauta « Il gardellino » en re maior
Frauta solista: César Concheiro
J.C. BACH (1735-1782)
« Adagio » do concerto para violonchelo en do menor
Violonchelo solista: Valeri Moriatov
M. del ADALID (1826-1881)
Sérénade pour instruments á cordes
J. RODRIGO (1901-1999)
Cançoneta
Violín solista: Víctor Raúl Cardoso Rada

Orquestra de Cámara da Universidade da Coruña
Director: Julián Jesús Pérez

CONCERTO DE PRIMAVERA 2008



O 12 de abril de 2008 a Orquestra de Cámara da UDC ofreceu un concerto compartido co Coro Universitario na Parroquia de S. Francisco de Asís. Presentou un repertorio integrado polas seguintes obras:

T. ALBINONI / R. GIAZZOTTO (1671-1751)
Adagio en sol menor para cordas
Órgano: José Manuel Yáñez Carballeira

W. A. MOZART (1756-1791)
Divertimento en Re Mayor, KV 136

M. del ADALID (1826-1881)
Sérenade pour instruments á cordes

J. RODRIGO (1901-1999)
Cançoneta para violín e orquestra de cordas
Violín solista: Víctor Raúl Cardoso Rada

GALA LÍRICA 2007


A ÓPERA NO BARROCO E NO CLASICISMO

No 400 aniversario da estrea de L´Orfeo de Claudio Monteverdi

Solistas Vocais:

Olga Raíces, soprano
Pablo Carballido, tenor
Fernando Enseñat-Berea, barítono

Coro Universitario da Coruña
Coro de Cámara "Si vis me canere" de Santiago de Compostela
Orquestra de Cámara da Universidade da Coruña
Director: Julián Jesús Pérez

Nesta ocasión contamos coa colaboración do Coro de Cámara "Si vis me canere" de Santiago de Compostela, e mesmo coas voces solistas de Olga Raíces, Pablo Carballido e Fernando Enseñat-Berea. Preparamos un programa composto por fragmentos de óperas do Barroco e do Clasicismo.
PROGRAMA
I

C. MONTEVERDI (1567-1643): L´Orfeo
Toccata
Recitativo de Orfeo:“In questo lieto” e Coro: “Vieni, Imeneo”
Coro: “Dunque fa degni Orfeo” e Aria de Orfeo: “Vi ricorda”
Dúo-Recitativo de Orfeo e Euridice: “Rosa del ciel”

G. F. HÄNDEL (1685 – 1759): Rinaldo
Recitativo y Aria de Almirena: “Armida,... Lascia ch´io pianga”

G. F. HÄNDEL (1685 – 1759): Xerxes
Recitativo y Aria de Xerxes: “Frondi tenere... Ombra mai fu”

H. PURCELL (1659 – 1695): Dido & Aeneas
Obertura
Coro: "To the hills and the vales" y Danza
Escea inicial do III Acto.- Mariñeiro, Coro e Danza

II
W.A. MOZART (1756 – 1791): Don Giovanni
Dúo de Zerlina e Don Giovanni con Coro: “Giovinetti”
Aria de Don Ottavio: “Dalla sua pace”
Serenata de Don Giovanni: “Deh, vieni alla finestra”
Dúo de Zerlina e Don Giovanni: “Là ci darem la mano”
W.A. MOZART (1756 – 1791): Bastien und Bastienne
Aria de Bastián: “Della mia cara”
Dúo de Bastiana e Colás: “Dai consigli che io ti diedi”
Terceto Final: “Ah, ragazzi”

C. W. GLUCK (1714 – 1787): Orfeo ed Euridice
Aria de Orfeo: “Che farò senza Euridice”
Escea final da ópera: “Trionfi l´amore”

I CICLO DE NOVOS INTÉPRETES




A Aula de Música da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Comunicación da Universidade da Coruña, nun afán de promocionar as novas xeracións de músicos emerxentes nos nosos campus, vén de organizar o I Ciclo de Novos Intérpretes. Nel preséntanse dous grupos de cámara que xurdiron no seo do Conservatorio Superior de Música, un pianista titulado en enxeñería de Camiños, Canais e Portos pola nosa universidade e a recentemente estreada Orquestra de Cámara da UDC, un grupo heteroxéneo formado por alumnos e ex-alumnos dos centros de ensino superior da cidade, persoal laboral da Universidade e a necesaria achega didáctica e musical dalgúns músicos profesionais. Con todos eles configurouse un ciclo que nace con ilusión de continuidade e coa confianza posta nunha etapa, cremos, de apertura a novas descubertas, a novas esperanzas de conectar a Música (si, en maiúscula) e a Universidade. A resposta queda na asistencia de público novo, se cadra amigos e compañeiros de estudos dos nosos intérpretes. Queremos apostar pola calidade musical, mais tamén pola formación dese público novo. Tan só cómpre que asistades con respecto aos concertos e que vos interesedes por repetir a experiencia; as “Notas ao Programa” podedes lelas antes do concerto ou ben na casa, xa de volta. Non é necesario vir vestidos de etiqueta, senón gozar do que vos ofrecen uns músicos que dedican moitas horas de traballo a prepararen algo efémero como é un concerto, mais que quizais quede gravado nos vosos corazóns como quedara no meu aquela “Carmina Burana” no Teatro Rosalía de Castro sendo eu un neno de curta idade.


Julián Jesús Pérez Fernández
Coordinador da Aula de Música
da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Comunicación


A Orquestra de Cámara da UDC clausurou este ciclo cun concerto celebrado o 29 de maio de 2007 na Igrexa de Venerable Orde Terceira da Coruña. Contou coa colaboración de César Concheiro, frautista e profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña.


MÚSICA PARA ORQUESTRA DE CÁMARA DO BARROCO AO SÉCULO XX


I

J. S. BACH (1685-1750)
Suite N.º 2 en Si menor BWV 1067 para frauta e orquestra (selección)

A. VIVALDI (1678-1741)
"Cantabile" do Concerto en Re Mayor para frauta e orquestra “Il gardellino” RV 428
Frauta solista: César Concheiro

W. A, MOZART (1756-1791)
Divertimento en Re Mayor KV 136 para cordas

II

J. CASTRO “CHANÉ” (1856-1917)
Os Teus Ollos - Adaptación: Julián Jesús Pérez
X. MONTES (1840-1899)
Negra Sombra - Adaptación segundo a versión para orfeón
R. GROBA (1930)
Canto de Berce - Adaptación: José Ramón Sierra
Violoncello solista: Valeri Moriatov
J. RODRIGO (1901-1999)
Canzonetta para violín solista e orquestra de cordas
Violín solista: Víctor Raúl Cardoso Rada
B. BARTÓK (1881-1945)
Dez pequenas pezas para orquestra de cordas - Adaptación: Rudolf Maros


NOTAS AO PROGRAMA
por Julián Jesús Pérez Fernández

O concerto que presentamos hoxe consta de dúas partes ben diferenciadas. Para a primeira escollemos tres compositores fundamentais do Barroco e do Clasicismo europeos; a segunda está ocupada por tres cantigas galegas en versión de orquestra de cordas, unha sinxela peza para violín e cordas de Joaquín Rodrigo e as Dez pequenas pezas para orquestra de cordas de Béla Bartok.
Iniciamos o programa cunha selección da Suite Orquestral n.º2 en Si menor BWV 1067 de J. S. Bach (1685-1750). A obra está escrita para orquestra de cordas e frauta traveseira. A suite como forma musical foi cultivada no Barroco e, normalmente, consta dun preludio ou obertura e dunha serie de danzas escritas na mesma tonalidade, aínda que contrastantes. O Rondeaux (rondó) consiste nunha alternancia entre un tema que se repite e outros que son diferentes entre si. A sarabande (zarabanda) é, na súa orixe, unha danza española do século XVII de carácter axitado. En Bach estilízase de tal xeito que se presenta como o tempo lento da suite. Neste caso está baseada na técnica do contrapunto imitativo, sostido por un baixo continuo (acompañamento constante do clave e do violoncello). A Polonaise (polonesa) está construída en forma ternaria : a primeira sección presenta un tema nun acompañamento en staccato (separando as notas unhas de outras) e unha melodía ornamentada e que, novamente, se escoitará despois da sección central (double), en que a frauta realiza unha pasaxe virtuosística sobre o tema principal que escoitamos no baixo continuo (violoncello). O menuet (minueto) é unha danza tranquila de ritmo ternario e forma binaria (A-B). Foi unha das máis populares do Barroco. Por último, a popular battinerie está baseada nun breve motivo rítmico que confire unidade a todo o movemento. A frauta realiza a súa melodía sobre un acompañamento da orquestra de cordas en notas breves.
Continuamos co segundo movemento (Cantabile) do concerto para frauta “Il Gardellino” de A.Vivaldi. Presenta a particularidade de estar escrito para frauta e baixo continuo, sen acompañamento orquestral. A frauta realiza unha ornamentada melodía ao xeito de pastoral en compás de 12/8, cunha fórmula rítmica que se repite ao longo do movemento.
Pechamos a primeira parte co Divertimento KV 136 en Re Maior de W. A. Mozart. Dividido en tres movementos: Allegro (rápido), Andante (tranquilo) e Presto (moi rápido), esta obra reflicte a estética do Clasicismo no cultivo da forma musical como control do material sonoro. O primeiro movemento, a exposición,está escrito en forma sonata e presenta dous temas (A e B) nos primeiros violíns; a sección central, chamada desenvolvemento, está escrita en modo menor, un feito que supón un cambio de carácter, para enlazar, grazas a un breve deseño das violas, coa reexposición dos temas presentados ao comezo da obra. O Andante, na tonalidade de Sol Maior, amosa unha melodía cantabile de exquisita sensibilidade; estruturalmente, articúlase na forma binaria A-B con repetición de ambas as seccións. Por outra banda, neste movemento achamos unha vida interior, entendendo como tal a función dialogante que Mozart concede ás partes medias (violíns segundos e violas), o que confire interese ao conxunto instrumental e á sonoridade global da orquestra. Finalmente, no Presto achamos unha vez máis a forma sonata; a sección central é un exemplo da habilidade contrapuntística de Mozart, ao presentala servíndose da imitación entre as diferentes voces como recurso compositivo.
Nunha intención de difundir o repertorio de compositores galegos, presentamos nesta ocasión tres sinxelos arranxos doutras tantas obras pensadas inicialmente para un efectivo diferente (voz e piano, orfeón e coro mixto respectivamente). A segunda parte iníciase coa fermosa melodía Os teus ollos do compostelán José Castro “Chané”, compositor e director de orfeóns que desenvolvera a súa traxectoria entre A Coruña e A Habana. O lucense Xoán Montes ocupa a nosa atención na seguinte obra: a universal Negra Sombra, baseada no coñecido poema de Rosalía de Castro e difundida en moi diferentes versións. Neste caso, respectamos a orixinal de Montes escrita para orfeón e adaptamos a terceira voz (barítonos) na clave de Do en terceira liña, correspondente á tesitura da viola. Por último, o ponteareán Rogelio Groba e o seu Canto de Berce, co tema principal exposto no violoncello solista, presenta o “movemento” do berce no acompañamento do resto da orquestra, mentres os violíns primeiros levan o protagonismo na segunda sección, escrita en textura homofónica (vertical).
O valenciano JoaquínRodrigo é quen de ser coñecido e valorado pola súa achega á historia da música española e universal, ao noso entender “escondida” durante moitos anos pola popularidade dun breve tema: o que abre o segundo movemento do seu Concerto de Aranjuez para guitarra e orquestra. Cremos que a Canzonetta para violín e orquestra de cordas, obra de xuventude, ilustra o interese que ten por dereito propio este sensible compositor. A obra está estruturada en forma ternaria. O tema principal preséntase despois dunha breve introdución da orquestra a partir da repetición dunha nota cunha fórmula rítmica que domina toda a peza; unha segunda “sección” de catro compases amosa un diálogo entre violonchelos e violas acompañado polo “trinar” dos violíns e inspirado na fórmula rítmica do tema principal, que se escoitará de novo na sección final. A obra finaliza cunha coda ou sección conclusiva de cinco compases.
O concerto remata cunha obra do húngaro BélaBartók, un importante compositor da primeira metade do século XX. O seu labor estendeuse tamén á compilación de temas folclóricos do seu país e á difusión dos mesmos nas súas composicións. Cómpre salientar os catro volumes de pezas para piano titulados For Children (Para nenos). A obra que presentamos é unha selección da orixinal para piano, arranxada para orquestra de cordas por Rudolf Maros. A obra sorprende, dentro da súa sinxeleza e frescura melódicas, polo interese que cobra a dimensión rítmica, a dinámica (intensidades), a agóxica (desviacións do tempo e do ritmo estritos) e a harmónica. Con estas sonoridades despedimos o noso concerto.

CONCERTO NO FORUM ORIENTA 07

A Vicerreitoría de Estudantes da UDC invitou á nova formación a participar no FORUM ORIENTA 07 de Ensino Superior en Galicia. O 24 de abril de 2007 ofreceron un concerto no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela integrado por obras de J.S. Bach, W.A. Mozart, J. Rodrigo, B. Bartók e os compositores galegos J. Castro "Chané" e X. Montes. A orquesta estaba formada por doce integrantes.

CONCERTO DE NADAL 2006


A Orquestra de Cámara da Universidade da Coruña presentouse na Igrexa da Orde Terceira da Coruña o 21 de decembro de 2006. Neste concerto interviron tamén o Coro Universitario da Coruña, o Coro de Cámara da Coruña e a soprano Maite Bárbara.

Aínda que inicialmente se formou un grupo de cámara, as inquedanzas daqueles novos músicos levaron a se prantexar a posibilidade de formar unha orquestra de cámara.

O concerto foi organizado pola Aula de Música da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Comunicación. Cunha formación inicial de nove integrantes de corda e tres colaboracións de instrumentistas de vento e tecla (clave), a orquestra presentou un breve repertorio de obras barrocas e clásicas:

J.S. BACH (1685-1750): "Aria" da Suite en Re

J. PACHELBEL (1653-1706): Canon e Giga

G.F. HÄNDEL (1685-1759): "Pastoral Symphony" de Messiah

W.A. MOZART (1756-1791): Divertimento KV 136 en Re Maior

Logo das intervencións individuais de ambos os dous coros, as tres formacións ofreceron unha breve actuación conxunta:

A. VIVALDI (1678-1741): "Gloria in excelsis Deo" do Gloria en Re Maior

PRESENTACIÓN DA ORQUESTRA DE CÁMARA DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

Coa finalidade de ilustrar musicalmente o acto académico que se celebra cada ano con motivo da festividade de San Tomé de Aquino, un grupo de músicos novos e entusiastas preparou un breve concerto, que foi ofrecido no Paraninfo da Universidade en xaneiro de 2005. A vontade de continuar a facer música xuntos levounos a unha certa continuidade nos ensaios, mesmo a se proporen a posibilidade de formar unha orquestra de cámara.

O seu repertorio abrangue desde o Barroco ata o século XX, e inclúe obras de compositores galegos como José Castro “Chané”, Marcial del Adalid, Xoán Montes ou Rogelio Groba, entre outros. Até o momento interviñeron en diversos concertos celebrados na Coruña, en Ferrol e en Santiago de Compostela, e mesmo colaboraron en diversos actos académicos da universidade. Por outra banda, a orquestra clausurou o I e II Ciclos de Novos Intérpretes na Universidade da Coruña en 2007 e 2008 e participou na Gala Lírica de ópera do Barroco e do Clasicismo en decembro de 2007 xunto a solistas vocais galegos, e na que interviron o Coro Universitario da Coruña e o Coro de Cámara "Si vis me canere" de Santiago de Compostela.

Fixo a súa presentación no Concerto de Nadal da UDC en 2006. Os compoñentes dedican parte do seu tempo ao estudo persoal das obras que se preparar, sen descoidaren os ensaios de conxunto, en que traballan baixo a dirección técnica de Víctor Raúl Cardoso (violín concertino) e artística de Julián Jesús Pérez (director).

A Orquestra de Cámara é un proxecto fundamentalmente didáctico e non perde de vista a súa dimensión divulgativa da Música, polo que pretende ofrecer o seu traballo a toda a comunidade universitaria e ao público en xeral. Os estudantes e profesionais comprometidos no proxecto manifestan nunha vontade clara de continuidade, de progreso baseado na formación constante.